Coidar a quen coida
Coidar dunha persoa maior ou dependente é un acto de cariño, pero tamén cansa moito, no corpo e na cabeza. Moitas veces quen coida esquécese de si ata que xa non pode máis.
Sinais de que necesitas axuda
- Sentes cansazo a maior parte do tempo, aínda que durmas.
- Tes menos paciencia ca antes e despois séntesche culpable.
- Deixaches de ver ás túas amizades ou de facer o que che gustaba.
- Dormes mal ou dóenche as costas cada vez máis a miúdo.
- Sentes que todo depende de ti e que non podes parar nunca.
Pedir axuda non é fallar
Repartir o coidado con outras persoas da familia ou con profesionais non é abandonar a ninguén. É a forma de que o coidado dure no tempo e sexa de calidade. Unhas horas de axuda á semana poden abondar para descansar, facer as túas xestións ou simplemente respirar.
Non estás só nin soa: estamos aquí para axudarte a ti, para que poidas seguir coidando.
